Fundación Xosé Soto de Fión · Estatutos

1. Defensa do entorno a través dunha serena á vez que firme militancia ecoloxista, entendendo por tal defensa, a promoción e estudo dos valores ambientais referidos a lugares de especial relevancia paisaxística, xeolóxica, botánica, faunística, cultural e histórica, así como do equilibrio ecolóxico de toda paraxe en xeral e da harmonía arquitectónica de núcleos rurais e urbanos, con particular fincapé na defensa de ecosistemas en risco a causa de actividades de forte impacto ambiental.

2. Defensa, estudio e promoción do patrimonio histórico-artístico dende a perspectiva ideolóxica que propugna a rehabilitación integrada, conforme á doutrina exposta en declaracións de alcance universal. Hai que interpretar a defensa dos centros históricos dende un punto de vista de rigoroso mantemento da tripla trama consolidada (horizontal, vertical e social) con firme oposición a operacións de cambio de uso ou funcionalidade. Dos fins queda expresamente excluída toda iniciativa favorable á promoción do consumo e simple entretemento, ou cultivo do trivial.

3. Adoptar iniciativas que, superficialmente contempladas, podan parecer contraditorias. Por exemplo: promoción da tecnoloxía branda, conservacionista e non contaminante á vez que adhesión moi cauta a innovacións técnicas audaces; empeño en conservar canto de valioso legou o pasado e aceptación, á vez, de valores rupturistas (debidamente cribados) resultantes do impacto científico e técnico na sociedade.

4. Recuperación de oficios en perigo de desaparición, actividades nas que o traballador recoñece a creatividade a través da obra ben feita.

5. Promover a expresión literaria en linguas minoritarias, sometidas a presión dos grandes idiomas de traballo. Defensa, en suma, das culturas contra da inundación civilizatoria.