Contra 1950 comeza o proceso de ruína de Arxeriz. Esmorece a cativa industria láctea e a actividade agrícola redúcese a mínimos. O Dr. López Suárez, pouco antes do seu pasamento, no verán de 1970, véndelle todas as súas propiedades ó seu sobriño D. José Rodríguez López, industrial que tenta revitalizar Arxeriz con criterios de innovación pura e dura, orientada á maximización produtiva. Construíu naves de grandes dimensións que axiña quedaron obsoletas. O deterioro chegou tra-lo abandono dos planos de recuperación errada.
“En 1996 D. Xosé Soto Rodríguez crea a Fundación Xosé Soto de Fión e asegura o remate dos labores de restauro”
En 1985 Arxeriz volve cambiar de mans, inda que sen saír da familia, xa que logo o novo propietario, D. Xosé Soto Rodríguez, mércalla ó seu tío D. José Rodríguez López. Co gallo de emendar a situación de total ruína do lugar, D. José Soto Rodríguez (Xosé de Arxeriz) negociou a instalación dunha escola obradoiro, a cal funciona dende 1993 ata 1996. Promovida pola A.A.V.V. Ribeiras do Miño das Terras do Saviñao, contou coa dirección de José A. Quiroga Díaz e co apoio de Ceferino Díaz.
En 1996 D. Xosé Soto Rodríguez crea a Fundación Xosé Soto de Fión, entidade que asegura o remate dos labores de restauro, e que en 1999 recibe en propiedade o conxunto de Arxeriz ao completo, por entrega que lle fai o presidente-fundador en concepto de doazón.
A Fundación Xosé Soto de Fión leva a iniciativa de Arxeriz como referente na recuperación do patrimonio histórico-artístico, etnográfico e natural. No futuro prevense actuacións no Castelo de Doiras en Cervantes; elemento patrimonial da Fundación por doazón do seu presidente.
As actuacións da Fundación (figura inscrita no Rexistro do Protectorado do Ministerio de Cultura co nº 451 e co C.I.F. G-27 22 42 45), vanse guiar polo enunciado dos seus estatutos.