Estamos diante dun conxunto arquitectónico que figura na relación de edificios de singular interese patrimonial, publicado no Diario Oficial de Galicia. Trátase de edificios dispostos arredor dun patio central que organiza o espazo. Arxeriz é un lugar que funde a súa raigaña na noite dos tempos, como o testemuña o castro que dende a finca vixía o Miño na súa curva sobre o Cabo do Mundo. Hai evidencias que nos remiten a unha ocupación humana continuada a través de tres ou catro milenios, se temos en conta as desaparecidas e lindeiras mámoas de Rendal, A Cova, ou as próximas de A Morá.
“Arxeriz ten elementos de gran interese histórico-artístico e patrimonial, con atractivo abondo para xustifica-lo fin que pretende”
Vázquez Seijas en "Castillos y Fortalezas de la provincia de Lugo" (1955), fai referencia a unha fortaleza defensiva en Arxeriz, que foi destruída nun dos avatares da baixa idade media, a revolta dos irmandiños.
Parte das construcións actuais datan de mediados dos séculos XVII e XVIII, existindo unhas naves anexas de principios do XX. As primeiras son representativas da arquitectura rural galega e dispóñense en forma de “u” aberta, destacando entre elas polo seu valor arquitectónico e histórico a denominada “Casa do Patín” e a dos Escudos ou “Casa Grande”.
A orixe do Pazo de Arxeriz está vencellada á xenealoxía dos Raxo. Hai noticia de que no medievo serodio o coto de Arxeriz pertenceu a D. Gonzalo Raxo de Acuña, cabaleiro da orde de Santiago. Un seu descendente, D. Pedro Raxo de Acuña, funda na segunda metade do século XVI o vínculo de Arxeriz. Un seu bisneto, D. Juan Raxo de Acuña, notario da Inquisición, casa con dona Ana Ulloa y Teijeiro, dando entrada a ilustres apelidos que incorporan as súas pedras armeiras: a día de hoxe pódense ver na fachada da "Casa do Escudos" as armas dos Teijeiro, Ulloa, Losada, Prado, Somoza e Taboada acompañando as tres rellas de arado apuntando cara abaixo dos Raxo (documentados tamén nalgún tratado de xenealoxía como " los Rajo de Arjeríz").
Xa no XVIII, coincidindo co abalo dos Ulloa, as terras e mai-lo pazo pasan á casa de Lemos para, de seguido, iren dar á de Alba. Non tardou ficar Arxeriz (o mesmo que outros predios e pazos) nas mans de mordomos e cobradores de rendas, pasando por veces a novos propietarios. Foi deste xeito como, en 1916, o Dr. López Suárez "Xan de Forcados" se fixo con Arxeriz por merca á marquesa viúva de Leis. A partires daquela data prodúcese a metamorfose modernizadora do lugar que ía converterse no foco, en 1922, do pulo industrializador dos derivados lácteos, en sociedade con Mantequerías Leonesas. Foi o xermolo da futura empresa familiar LARSA, que había xurdir como resultado da gran iniciativa de Don José Rodríguez López, o seu verdadeiro artífice dende a plataforma de GRANJA ARJERIZ. Dende Arxeriz tamén se introduciron outras reformas relacionadas coa explotación agropecuaria debidas ao pulo de López Suárez, ligado estreitamente á Misión Biolóxica de Galicia e a outras iniciativas de investigación e estudio da primeira metade do s. XX.
No referente á cultura é sobradamente coñecido o papel que xogou o Dr. López Suárez dende Arxeriz para potenciar o estudo da riqueza patrimonial da bisbarra da Terra de Lemos. Da súa axuda e mecenado dá fe a publicación “Los Castros de la Tierra de Saviñao” de Florentino López Cuevillas e Antonio Fraguas, así como o estudio da mámoa de Abuíme e a necrópole de A Morá, onde se lle adica a publicación de Cuevillas e Pura Lorenzana. Desta etapa quedan en Arxeriz un bo número de muíños castrexos, tanto barquiformes como circulares. Cabe destacar o seu decidido papel na defensa da muralla romana de Lugo, fronte aos que promovían a súa demolición (en dúas ocasións: o alcalde D. Angel López Pérez, baixo Primo de Rivera, e as autoridades municipais da II República.); tamén da integridade arquitectónica da Praza da Compañía de Monforte, ademais de promover a exploración naturista e etnográfica dos Ancares entre outras.

