O Ecomuseo Pazo de Arxeriz atópase no lugar homónimo do concello de O Saviñao,nunha finca de 35 Ha. que preside a bocarribeira sobre o río Miño, enfronte a un dos lugares máis emblemáticos da Ribeira Sacra: o Cabo do Mundo. Toda ela está organizada en torno a un pazo do século XVII, onde se dispoñen as salas divulgativas e expositivas.
“O Ecomuseo Pazo de Arxeriz forma parte da Rede Museística de Galicia en calidade de Colección Visitable”
O Ecomuseo Pazo de Arxeriz forma parte da Rede Museística de Galicia dende o 28 de novembro do 2008, en calidade de "Colección Visitable".
Esta experiencia museística comeza a súa andaina no 2004 coa idea de amparar, rescatar, defender, restaurar, expoñer, estudar, investigar e divulgar o patrimonio etnográfico e histórico-artístico da Ribeira Sacra. O proxecto iníciase dun xeito modesto en dúas salas, coa vocación de ir medrando e facendo museo.
A idea, dende o comezo, foi a de integrar e combinar os espazos expositivos das salas, no interior dos edificios, co entorno da finca, os xardíns, a horta, as construcións adxectivas, o castro e o bosque; coa intención de que os visitantes poidan alternar a visita interior co paseo exterior. O propio nome de Ecomuseo xorde da combinación de etnografía, historia e natureza que se da en Arxeriz.