400 m² de exposición divididos en dúas salas contiguas e comunicadas. Na primeira atopamos a maior exposición de barcas fluviais de Europa, once embarcacións distintas, dende o “batuxo” da cabeceira ao “carocho” da desembocadura do río Miño. De toda a colección destaca a derradeira barca de paso deste río. Están acompañadas dun gran número de paneis gráficos e documentos de época relacionados coas barcas e a súa función.
“Atopamos a maior exposición de barcas fluviais de Europa, dende o batuxo da cabeceira ao carocho”
Na segunda das salas repártese o espazo entre a pesca tradicional e o impacto dos encoros no río e ribeira. A pesca, con tódalas súas artes dispostas en torno a un grande arco procedente dun caneiro de Portomarín, disponse na zona norte. Na metade sur temos o impacto que causaron na zona os encoros de Belesar e Peares co asolagamento de 32 lugares e o desprazamento de 1.147 persoas, acompañado de documentación gráfica e informativa sobre os lugares asolagados, a súa situación e características.